20 feb 2014

Orzamentos 2014. II: as nosas propostas; loitar contra o paro e a pobreza

Dende o noso punto de vista na situación actual do país, coa maioría da cidadanía vivindo situacións complicadas, os concellos non están  para asfaltar, facer plazas bonitas e construír edificios valeiros de contido, salvo cando esas obras sexan imprescindibles, se non que  deben ser a primeira entidade pública en realizar os cambios precisos para que as persoas non se vexan abocadas a situacións de indignidade persoal, vivindo da caridade, ou sen poder acender un radiador ou quentar un prato de comida por non poder pagar o recibo da luz.

En Ribadumia, o saldo contable do ano 2012,  pesares do medio millon sobrante das distintas partidas orzamentadas, foi de 160.000€ negativos, ou sexa, que por pirmeira vez en moito tempo, o concello de Ribadumia gastou moito mais do previsto. 

Ademais disto, o orzamento que o PP propon para este ano non parece en ningún xeito querer rectificar esa tendencia a gastar sen control, cunha serie de partidas cando menos confusas cando non escandalosas ( a previsión para gastos da luz de case 300.000€, un exemplo claro) o cal poderia levarnos a unha situación moi complicada, por non falar da preocupante e lamentable falta de iniciativas para solventar os problemas da cidadania. 

Debemos admitir que as contas do 2013, pendentes ainda de publicarse, teñennos preocupados.

   Por ese motivo, e co ánimo de axudar que a planificación dos orzamentos mellore, e poidamos avanzar na construción do noso concello dun xeito controlado e na axuda as familias que están pasando momentos difíciles, acordamos plantexarlle o equipo de goberno unhas propostas que cremos que deberían incluírse na elaboración dos orzamentos deste ano 2014 .

  Por iso propoñemos ó equipo de goberno un xiro radical nas políticas sociais do concello, que busquen alonxar os nosos veciños de situacións de caridade, e camiñe cara a defensa do dereito das persoas a vivir dignamente. A proposta consta dos seguintes puntos:

- A creación dun grupo de traballo , que mesmamente pode ser o conformado pola comisión de asuntos sociais onde xa estan representados todos os grupos políticos,  a oficina de servizos  sociais do concello, e sumando a colectivos que traballen na axuda a persoas, que asuma a xestión dos fondos orzamentados para axuda social, e traballen nun plan que teña como obxectivo non solo axudar as familias deste concello que están atravesando un momento critico, se non tamén establecer ferramentas que permitan axudar a esas familias e persoas a levar unha vida digna e lonxe da caridade a pesares da súa situación.

- A creación dunha bolsa de axuda económica ós estudos para  persoas con poucos recursos, regulada e adxudicada baixo uns criterios claros, de xeito que calquera veciño de Ribadumia, sexa cal sexa a súa situación económica, teña garantida a posibilidade de realizar o curso escolar, pagar matriculas e taxas universitarias, e facer fronte a compra do material esixido para poder sacar adiante o curso escolar.

 Para poder axudar a superar a situación na que estamos inmersos, será preciso tamén realizar unha serie de políticas que axuden na loita contra o paro. Para iso propoñemos, asumindo acondición de que o noso concello esta na súa maior parte  formado por terreo agrícola, o seguinte:

- A creación e equipamento dun grupo de traballo local, con expertos en asuntos do campo e incluíndo a sectores agrarios e sindicatos, coa misión de proporcionar impulso, a través da formación, da información e do   apoio institucional, as diferentes saídas profesionais que poida proporcionar o noso agro,  poñendo especial fincapé no impulso e apoio  da creación de entidades cooperativas, que permitan coa solidariedade laboral e unha correcta organización empresarial, a realización de proxectos cooperativistas de explotación ou servizos agrícolas.

  En Anova non esquecemos que na Grenla temos un polígono agora mesmo moi mermado pola situación de crise, que afectou enormemente as empresas relacionadas coa construción. Por iso propoñemos que:

- nos orzamentos se reflexe o traballo que se debe realizar para recuperar os terreos que non se están utilizando, moi necesarios como primeiro paso para que as empresas poidan acceder a chan industrial no noso concello.

- A creación dun consorcio empresarial local, que reúna a concello, con todos os grupos políticos representados, os sindicatos e as empresas que existen no noso concello, e impulse políticas e accións comúns, que poidan favorecer a recuperación económica e a mellora polo tanto das cifras de contratación. E tamén impulsar dende ese consorcio a atracción o noso concello de empresas de novos sectores. En resumo, contribuír dende este concello a reconstrución do tecido empresarial, case desaparecido da nosa comarca.

- Unha partida especifica que sirva para  apoiar as novas empresas no seu asentamento no noso concello e as pemes existentes a levar a mala situación económica actual. Dentro disto, unha partida especial para o apoio, mais forte se cabe,  a xovenes empresarios que queiran iniciar a súa aventura empresarial no noso concello. Revisar os mecanismos para a creación e apertura de novos pequenos negocios, axilizando os tramites das licencias e promovendo a súa apertura con descontos nas licencias ou execcións temporais dalgúns impostos, como o lixo ou a auga. Que estas axudas ou exencións  sexan extensivas a pemes do concello que manteñan ou creen emprego e a aquelas que demostren unha importante baixada de ingresos e polo tanto precisen de certo apoio institucional.

   Somos conscientes de que para poder realizar estes proxectos, vai ser necesario facer un exercicio de responsabilidade no resto de partidas de gastos, pero parécenos que estamos no momento de deixar de lado asuntos menores, e centrarnos no realmente importante. Por iso propoñemos seguinte:

- A eliminación do convenio coa empresa que leva o mantemento do alumeado, que se dispara dos 20.000€ ata mais de 25.000€, realizando unhas labouras que poden perfectamente realizar o persoal municipal.

- Un control exaustivo do gasto eléctrico, para o que este ano hai previstos case 100.000€ mais que o ano pasado, a barbaridade de 279.695€, tomando as medidas necesarias para reducir a descomunal factura.


- Actuar con mais responsabilidade con certas partidas, creando antes dos orzamentos uns plans de traballo e inversión para o ano económico, en areas como xardinería ou obras menores, e tamén un plan de mantemento das instalacións municipais, dotando das cantidades precisas pero controladamente a través dun orzamento clarificado, evitando no posible os gastos superfluos e incontrolados, culpables do enorme descontrol dos gastos correntes.

- Recuperar outros servizos públicos, como a gardería municipal, a asistencia  ou o lixo, para que o concello reciba  os ingresos por beneficios  que agora se levan empresas privadas ou a Deputación de Pontevedra, podendo ademais mellorar o servizo e ofrecer mellores descontos a usuarios.


Somos conscientes de que en conxunto é unha proposta moi completa, e de que o PP de Ribadumia, que vive nunha situación de simple inercia política, deixándose levar de ano a ano sen aportar nada, lle pode resultar complicado pensar en incluír todas estas propostas nos orzamentos deste 2014, pero o noso ánimo, como sempre, é  o de falar delas e buscar acordos que posibiliten cambiar pouco a pouco a situación do nosos concello. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario