26 nov 2013

ANOVA – RIBADUMIA ORGANIZA UNHA CHARLA EN BARRANTES PARA INFORMAR SOBRE A REFORMA DAS PENSIÓNS.

Será o próximo xoves, 28 de novembro, as 20.30 H. no Centro Social de Barrantes e intervirán Enrique Oubiña e Xurxo Charlín Trigo, Asesor fiscal e tributario.

A Agrupación local de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Concello de Ribadumia ten organizado un acto público para informar sobre as últimas reformas lexislativas que van a afectar as pensións. Será o próximo xoves, 28 de novembro, as 20.30 Horas, no Centro Social “San Andres” de Barrantes, e no mesmo intervirán Enrique Oubiña Lago, Concelleiro na corporación municipal do Concello de Ribadumia e Xurxo Charlín Trigo, Colexiado mercantil e Asesor fiscal e tributario.

O obxectivo do acto e poder explicar aos asistentes as modificacións que o Real Decreto Lei 5/2013 de “Medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo”  introduce no sistema de pensións e como nos van a afectar, tanto as persoas xa xubiladas, como aos traballadores actuais: Que supón que as pensións non vaian a actualizarse co IPC, ou como van a cambiar os períodos e bases reguladoras de cotización…. Ao remate haberá unha quenda de preguntas.

A reforma que pretende por en marcha o goberno Mariano Rajoy co apoio do Partido Popular aséntase sobre dúas patas, por un lado cambiar a fórmula de actualización das pensións, desligandoa do IPC; e polo outro relacionar a cuantía da pensión cunha nova variable: a esperanza de vida aos 67 anos.  As dúas propostas teñen o mesmo obxectivo definido polo propio goberno, frenar o aumento do gasto en pensións.  Todo este aforro ira sobre as costas dos pensionistas que irán acumulando ano a ano perda de poder adquisitivo, que segundo como sexa a inflacción anual pode chegar a ser de mais de 1.500 euros/ano nun período de 6 anos para unha pensión media de 980 euros/mes.

A parte de eliminar a actualización automática das pensións co cálculo do IPC, outras modificacións que introduce o decreto e que afectan negativamente aos traballadores actuais serían o aumento paulatino da idade de xubilación (ata os 67 anos), a práctica desaparición das causas de xubilación anticipada ou a ampliación do período de cálculo para a xubilación de 15 a 25 anos. Con esta reforma para poder percibir o 100% da base sera preciso ter un mínimo cotizado de 37 anos. Está calculado que as pensións futuras sufriran unha devaluación cercana ao 20%.

Esta reforma supón novamente cargar os efectos da crise financieira sobre as espaldas dos cidadáns e recortar un dos piares fundamentais do sistema de benestar: as pensións.  Todo coa intención de deteriorar o sistema de protección social e  “abrir unha vía de negocio” para moitas sociedades e compañias aseguradoras multinacionais: Os seguros de xubilación privados.

Dende ANOVA queremos denunciar esta situación e informar aos pensionistas actuais e futuros do que esta reforma vai a supoñer, polo que convidamos a todos os cidadáns interesados a asistir ao Charla que celebraremos pasadomaña no Centro Social de Barrantes, as 20.30 Horas.



21 nov 2013

A xestión de Núñez Feijóo fai que Galiza perda autonomía financeira

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, denunciou o espectacular incremento da débeda autonómica dende que Alberto Núñez Feijoo chegou á presidencia da Xunta de Galicia, que provocou o conseguinte incremento do custe anual do servizo da débeda aos galegos e galegas que ten consecuencias sobre a redución do gasto non financeiro e sobre a perda de autonomía financeira de Galiza, todo o contrario do que presume o Partido Popular.
No proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2014, en trámite, o importe do total de operacións correntes (capítulos I ao V) : é de 7.213,8 millóns de euros e a suma de amortización capital e gastos financeiros da sección 22 (custo servizo débeda) é de 2.071,1 millóns de euros, polo cal a porcentaxe de custo da débeda sobre as operación correntes é de 28,71%, superior, por tanto, ao límite máximo do 25% que determina o art. 30.2 do DL 1/1999, Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (*)
O límite do 25% sobre os ingresos correntes sería de 1.803,5 millóns de euros, polo cal os Orzamentos excédense na sección 22 (custo do servizo da débeda) en 267,6 millóns de euros sobre o límite normativo que fixa a lexislación autonómica.
O incremento do custo do servizo da débeda (que case duplica ao do exercicio 2013) está causado tanto polo incremento dos gastos financeiros como, moi especialmente, polo incremento do endebedamento neto (que medra 115 millóns respecto do 2013, un 18% mais).
Consecuencia de dito incumprimento é que no 2014 todas as emisións de débeda da Xunta deben ser previamente autorizadas polo Estado (**).
Para Alternativa Galega de Esquerda resulta sorprendente ao respecto que nin na Memoria dos Orzamentos nin no Informe Económico-Financieiro se conteña a máis mínima referencia ao incumprimento do límite máximo do 25% que fixa a normativa autonómica de réxime económico-financieiro nin ao feito de como consecuencia de dito incumprimento as emisións de débeda da Xunta teñan que ser previamente autorizadas polo Estado.
“Pese a que o señor Nuñez Feijoo presume de non ter que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómico, por unha suposta solvencia da Xunta de Galicia, e que con iso nos financiamos máis barato, a realidade é ben distinta á que nos pinta un presidente demasiado acostumado a mentir” declarou o deputado Antón Sánchez.
O Consello de Ministros do pasado 31 de outubro acordou autorizar á Xunta a formalizar préstamos a longo prazo (podes comprobar no enlace) en moeda distinta do euro e emitir débeda pública por importe de 257.588.000 €. Ditas operación de endebedamento teñen por finalidade o financiamento do déficit orzamentario do exercicio 2013, acordado no Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado 31 de xullo.
No DOG de hoxe publícase as condicións de dita emisión, a un tipo de interese do 2,75%(podes comprobar no enlace). Dito tipo de interese é superior ao tipo de interese da débeda equivalente do Estado (tipo de interese dos bonos do Estado a tres anos da última poxa : 2,064 %).
E non só iso senón tamén superior á emisión recente de débeda doutras comunidades autónomas, caso, por exemplo, da de Canarias, cun tipo de interese nominal fixo do 1,75%.(podes comprobar no enlace)
Por todo elo AGE, a través do seu deputado Antón Sánchez, rexistrou no Parlamento unha interpelación para que a Xunta de Galicia aclare a situación do financiamento da débeda e do seu custo. O goberno da Xunta debería explicar e xustificar como nunha situación de descenso dos tipos de interese do mercado da débeda pública nos Orzamentos do 2014 os gastos financeiros medran nun 18% respecto do 2013. “O interese do señor Feijoo de vender unha imaxe falsa da súa xestión económica pagámola todos e todas os galegos e galegas en forma de máis custo da débeda e menor gasto social” sinalou o deputado Antón Sánchez.
(*) O art. 30.2 do vixente Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación coa débeda, dispón que “A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano”.
(**) A Disposición Transitoria Terceira da LO 2/2012, de estabilidade orzamentaria habilita temporalmente (ata 2020) a non aplicación do límite do 25% fixado no art. 14.2 da LOFCA, pero requerindo para elo a concurrencia de circunstancias económicas extraordinarias e que o seu obxectivo sexa a cobertura dos servizos públicos fundamentais e precisando, ademáis, que nese suposto as operación de débeda deben ser previamente autorizadas polo Estado.

18 nov 2013

PARADE!!!

“Nenos, nenas…XOGADE!” Cantas veces temos escoitado esa frase, ou algo similar, na nosa infancia. O deporte é algo fundamental na nosa vida, nos acompaña dende cativos que é cando estamos máis activos e sempre vai ligado a nós como un método san e beneficioso pra a nosa saúde, autoestima, desenrolo social,… Na escola foméntano en forma de asinatura, Educación Física, no cal nos instrúen na práctica de diversas disciplinas (fútbol, baloncesto, vollei, bádminton,…).

Nestes tempos que nos toca vivir, todo semella que é ao contrario; unha nova medida tomada pola Xunta, gobernada por un PP tiránico e incompetente, obriga á paralización de toda actividade futbolística das categorías base (adestramentos e competicións dende cadetes ata prebenxamíns). A razón é a prórroga do seguro médico deportivo do PROGRAMA XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), impedindo a práctica do fútbol ao arriscar aos clubs a correr eles cos altos gastos médicos dos seus xogadores no caso de se mancar. O devandito programa naceu pra apoiar aos equipos en categorías base de distintas modalidades deportivas pra cubrir o pago da mutualidade, o que supón un alivio pra a economía de moitos clubs; sempre houbo a ameaza durante varias tempadas de que esta axuda desaparecería, e semella que desta vez cumpriuse. Analizando a situación, as consecuencias directas, serían as seguintes: os xogadores con ficha en vigor do ano anterior teñen a asistencia médica cuberta ata decembro, ao estar contratado un ano natural grazas á tempada pasada, o problema radica nos novos xogadores, eles son quenes non terían ningún dereito ao retirárselle automáticamente o seguro.

Esta decisión afectará a milleiros e milleiros de menores galegos que comezaban con toda a ilusión do mundo esta tempada, e que de noite pra mañá poderían verse sen equipo, e o máis preocupante, os gastos dos pais e nais e principalmente dos equipos que xa están realizados.

A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, sendo cómplice das prácticas recortantes provintes de Madrid, non está apoiando á realización do deporte en xeral a todos os niveis, menosprezando disciplinas frente a outras, favorecendo uns equipos frente a outros, mantendo cargos, exercendo o enchufismo “por doquier”, as taxas abusivas das federacións, os prezos das entradas aos ximnasios,… Acaso alguén pensa que é unha boa xestión do deporte? Isto traerá consecuencias nas persoas de non favorecer á súa práctica: fomento do sedentarismo, enfermidades cardiovasculares, baixa autoestima, depresión, problemas para durmir, sensación de cansancio, problemas de relacións sociais, obesidade,…

A práctica do deporte non pode faltar nas nosas vidas e dende cativos haina que fomentar. É un deber da sociedade pra ter un futuro san.

15 nov 2013

Anova apoia as concentracións contra a sentenza do Prestige: NUNCA MÁIS!

"Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns" - sinalou Xosé Manuel Beiras. Estamos ante unha sentenza absolutamente indecente, que chega despois de once anos dunha catástrofe ambiental de magnitudes inconmensurábeis e a xustiza non atopa responsábeis penais -nin ao parecer de ningún tipo- e como resultado tampouco responsabilidades subsidiarias dunha administración incompetente. Estamos ante unha grave inxustiza cometida pola propia administración de xustiza. 

Como dixo ao coñecer esta sentenza o Portavoz Nacional de ANOVA Xosé Manuel Beiras: "Parece que estamos ante unha catástrofe natural, unha sorte de imponderable desastre no canto dunha irresponsábel actuación dunha administración que como no caso recente do accidente de Angrois busca un chibo expiatorio no maquinista, cousa que neste caso nin sequera posto que exonera a todos os actores da máis mínima responsabilidade. Lembremos que daquela o vicepresidente Rajoy, hoxe presidente do Goberno Español é o principal responsábel, o famoso "señor de los hilillos" de plastilina, cando sobre as nosas costas ameazaba a máis enorme marea negra da nosa historia. Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns". Dende ANOVA entendemos que as forzas políticas e a cidadanía debemos nun xesto de dignidade apoiar o recurso desta sentenza en alzada para impedir que semellante crime quede impune.

Por iso, Anova apoia as concentracións que se celebran hoxe, venres 15 de novembro, en protesta contra a sentenza polo Prestige. Na Comarca do Salnes habera concentracións nos concellos de Vilagarcía e do Grove.

Porque hai que volver exercer a dignidade: NUNCA MÁIS!


14 nov 2013

DENDE ANOVA RIBADUMIA OPOÑEMONOS A CESIÓN DA XESTIÓN DO SERVIZO DE RECOLLIDA DO LIXO A DEPUTACIÓN.

Consideramos que esta cesión suporá, co convenio na man, unha suba directa no recibo do lixo, e a privatización dun servizo ata agora público.
 
No pleno celebrado a xoves da semana pasada, o PP de Ribadumia aprobou a adhesión do Concello de Ribadumia ao servizo provincial de xestión da recollida do lixo que está a promover a Deputación de Pontevedra. ANOVA quere manifestar publicamente a súa oposición a esta cuestión por varios motivos.

Isto non deixa de ser outro paso mais na liña que esta a manter o Partido Popular de dar competencias a Deputación, en detrimento dos concellos, cando as Deputacións son uns órganos que deberían desaparecer porque ademais de ser totalmente anacrónicos no noso sistema político actual, son totalmente antidemocráticos, pois os cidadáns non elixen a súa dirección, nin polo tanto quen manexa os seus fondos e actividades, que pagamos todos,  ademais de estar, especialmente no caso da Deputación de Pontevedra, ó servizo do Partido Popular e dos seus intereses partidistas. Pero é que ademais, no caso deste convenio concreto, dáse a circunstancia de que o asinalo non se esta conseguindo ningún tipo de melloría para os veciños de Ribadumia, senón todo o contrario:

En primeiro lugar porque o concello perde todo o dereito a decidir, tanto sobre a xestión do servizo, como sobre a aplicación de taxas. Non hai máis que revisar a clausula 2 do citado convenio de adhesión, no apartado d) para poder comprobar como incluso corresponderia a Deputación decidir sobre “as rutas e calendarios de recollida”, as condicións da prestacións e incluso a localización dos contenedores !!!! deixando ao Concello sen ningunha opción sobre estes temas....

Tamén no convenio se especifica que en canto a deputación asuma o servizo vaise producir unha suba na taxa do lixo, establecendo de prazo ata 2016 para a mesma. citamos directamente o estipulado no convenio : (pax 3, último parrafo e primeiro da pax 4):


 E decir, que os veciños de Ribadumia veremos aumentado o recibo do Lixo aproximadamente no doble do que pagamos neste momento, a pesares de pagar outros impostos municipais como o IBI ou o de IVTM que tamen son dunha cuantía moi elevada en comparación con outros concellos do Salnes....


Por outra banda, este convenio da paso a conseguinte privatización do servizo, ata agora público, que pasara a ser realizado por unha empresa designada pola Deputación de Pontevedra, que será finalmente quen marque os custes e se ocupe do servizo, repercutindo isto non so no prezo do servizo, se non tamén na calidade das condicións laborais dos traballadores, que quedaran en mans da empresa concesionaria.
(pax 8 do convenio):

Dende Anova non podemos apoiar que se actúe desta maneira, aloxando a xestión do servizo dos veciños, eliminado a capacidade do concello de participar e de actuar sobre o mesmo servizo, quedando así expostos ás decisións da deputación e da empresa concesionaria, a unha importante suba da taxa e a posible merma na calidade do servizo.  Non hai máis que ver o que está a pasar estes días en Madrid con traballadores que teñen que loitar polos seus dereitos e por manter unha calidade no servizo a base de folgas moi molestas para todos os veciños, que mentres  tanto deben seguir pagando a taxa puntualmente.

Tendes a continuación o Convenio coa Diputación.

9 nov 2013

Dende Anova lamentamos a falta de consenso entre PP e os outros partidos da oposición para acordar os cambios nas taxas da piscina municipal.

No pleno deste pasado xoves entre outros temas levouse una proposta do PP local para cambiar as taxas sobre a piscina municipal.

  O concelleiro Enrique Oubiña, por problemas de saude non puido asistir. Pero a pesares disto, dende o grupo local fixemos chegar antes do pleno a todos os grupos a nosa proposta para este asunto, pensando en buscar un acordo aproveitando  a intención que cremos moi positiva do PP de modificar estas tarifas, que na nosa opinión estaban moi desequilibradas entre os veciños e os de fora, ademais existían moitas circunstancias polas cales os veciños de Ribadumia remataban  tendo que pagar como se non o foran (por ex. os pais divorciados, ou avós que no verán se fan cargo dos netos …).

Dende este punto de vista, quixemos facer unha proposta que convencese os outros partidos,   tendente a  establecer  unhas tarifas máis xustas para todos e resolver estas situacións, e que plantexaba o seguinte:

 .- Por un lado incrementar a 10 Euros o abono para empadroados, cantidade pensamos que é asumible (5€ o mes, pero solo os adultos) e que contribuiría mellor ao financiamento da piscina, que como toda instalación ten uns gastos. Debemos recordar que este concello cobra por outras instalacións ou servizos, como o uso de campos de fútbol ou mesmo polas vodas, onde moitas veces nin sequera hai un gasto por parte do concello que xustifique a existencia dunha taxa.

.- Ampliar a posibilidade de abono por 10 euros a todos os familiares ata 2º grado de veciños de Ribadumia, previa solicitude do empadroado. Buscamos con isto  resolver esas cuestións plantexadas de pais divorciados que teñen os fillos con eles no verán, pero tamén avós que se fan cargo dos netos ou incluso persoas de Ribadumia que están traballando ou estudando fora e veñen a pasar o verán a casa dos seus pais / familiares

.- Logo, reducir a metade o abono para a xente de fora de Ribadumia, dende os 50€ actuais a 25 euros, unha cantidade moito máis equilibrada.  Entendemos ademais que este prezo, xunto con descontos ou campañas de promoción que se poidan organizar a través do comercio local poden contribuír a que veñan persoas de fora ao noso Concello e que consuman nos establecementos do mesmo.

.- E finalmente incluímos unhas exencións que entendemos de pura lóxica:  Menores de 12 anos (indicando que sempre deben ir acompañados dun adulto responsable), persoas xubiladas e familas sen recursos de Ribadumia.

Con todo isto o resultante é un cadro de taxas para o uso da piscina municipal moi equitativo e sobre todo igualitario,  pois por un lado reduce a  actitude actual do concello de vetar o uso a persoas de fora de ribadumia, e por outro crea unhas tarifas asumibles para a maioría pero, e isto é quizais o mais importante, con exencións para os nenos, os pensionistas, e persoas que estean pasando por unha situación difícil.

Por desgraza, o PP non quixo ter en conta a nosa proposta, e o resto de partidos da oposición tampouco quixo defendela ou cando menos, facer unha proposta alternativa clara. Co cal o resultado foi que o PP aprobou en solitario a súa opción, unha melloría sobre as taxas anteriores, pero moi pobre e mellorable, e que segue sendo moi inxusta con moitas persoas.


En verbas de Enrique Oubiña “A posición do PP era de esperar, pois tenden a pensar que negociar algo significa aprobar  unicamente o que digan eles, pero o mais triste foi enterarme de que o concelleiro do Bng  atreveuse  a acusarnos de copiarlles a idea, pero logo non quixo nin defender a nosa proposta, nin plantexar ningunha alternativa propia, quedándose nesa actitude infantil ultimamente tan característica súa de levar a contraria a todo. Estas cousas deixan ben claro quen fai oposición construtiva  pensando no beneficio de todos os veciños e quen simplemente quenta a silla e vai os plenos a votar e cobrar asistencia, porque nos, de poder asistir,  huberamos buscado e pelexado por un acordo”. 


DEIXAMOSVOS COPIA DAS DÚAS ÚNICAS PROPOSTAS PARA O CAMBIO DAS TAXAS NA PISCINA.


Esta foi a proposta do PP,
 cambiando solamente un punto
da ordeanza (pero escribindo moito) 


Esta era a proposta de Enrique Oubiña,
 cambiando todo o documento, axustando taxas,
 e añadindo as exencións a nenos,
 pensionistas e persoas en situación dificil