31 ago 2013

ANOVA critica o endurecemento dos requisitos económicos e académicos do novo Decreto de Becas e pide que ningún xoven de Ribadumia quede sen poder acceder a universidade por factores económicos.

Enrique Oubiña, concelleiro da corporación municipal de Ribadumia e membro da agrupación local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Ribadumia, vai a presentar unha moción, solicitando que sexa tratada con carácter de urxencia no próximo pleno da corporación municipal a celebrar o xoves da semana próxima, na que solicita que o Concello aprobe unha partida destinada a pagar as matriculas dos estudantes que se viron perxudicados polo recente Decreto do Ministerio de Educación en materia de becas

O pasado dous de Agosto o Consello de Ministros aprobaba o Real Decreto que inclúe os novos requisitos do programa de becas. Un decreto que esquece que a principal función das becas que se conceden ós estudantes é a de facilitar a igualdade de oportunidades entre todos os alumnos.   Este Real Decreto endurece os requisitos económicos das familias e establece uns requisitos académicos máis esixentes .  De feito as previsións económicas do propio goberno para o curso 2013-2014 son de 200 millóns de euros menos que as previsións para o curso 2012-2013

Así, independentemente de cal sexa a nota de corte de calquera carreira, o decreto do PP obriga a conseguir unha nota mínima do 6,5 nas probas de acceso para a consecución de beca económica e con respecto aos factores económicos, baixa o importe das becas e redúcense os ingresos máximos polos que se cambia e umbral de renta, perdendo o dereito a percibir a beca xeral: de tal xeito que, por exemplo, no caso dunha nai solteira con un único fillo en idade universitaria, que ingresase máis de 8.000 euros anuais (menos de 700 € o mes), o seu fillo xa non recibiría a beca xeral...   Ou unha familia tipo (4 membros) que ingresase máis  de 1.250€ o mes, tampouco poderia acceder aos 1.500 € de beca.

En ANOVA preguntámonos se é así como se favorece que as persoas que carezan de medios económicos para poder estudar o fagan de igual modo?, se é así como se asegura a igualdade de oportunidades de quenes teñen vocacións e aptitudes?

Este Decreto foi rexeitado por moitos estamentos neste país, dende os propios estudantes, mestres, reitores de universidades, pais e demais  partidos políticos.  De feito, incluso o propio Consello do Estado recriminou o PP a falta dun estudio profundo do  Ministerio de Educación sobre as consecuencias para a igualdade de oportunidades e a mellora do rendimento do alumnado que teria esta lexislación.

Outro dato interesante, e nada partidista: Según a Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE), 80.000 alumnos con poucos recursos poderían quedarse fora da universidade por non poder facer fronte o pago da matricula e quedar excluidos das axudas pola aplicación deste novo Decreto.

Dende o grupo local de  Anova, cremos que o acceso a formación e un dereito que non debe ser pisado por accións ideolóxicas como este decreto e consideramos que non deberiamos permitir que ningunha persoa se quedara fora do acceso a sua formación por un simple factor económico. Por isto presentamos unha moción para solicitar que o Concello de Ribadumia habilite unha partida económica destinada a cubrir os gastos de matricula  e de taxas universitarias daquelas persoas que debido o Real Decreto 609/2013, do 2 de agosto, perderan o seu dereito a beca ou a exención das tasas de matriculación.


Non pode ser que vivamos nun Concello que pode permitirse pagar 420.000 Euros en terreos para facer o 4º campo de fútbol de herba artificial, gastar mais de 30.000 euros en festas varias no verán ou 10.000 en gastos de promoción e publicidade e logo non poida destinar 4.000 ou 5.000 euros a axudar a familias que queren que os seus fillos estudien e non poden acceder á exención das taxas ou ao sistema de becas por culpa dunha lei inxusta, QUE NO FONDO PERSEGUE UNHA ACCIÓN IDEOLÓXICA, “QUE SÓ ACCEDAN A ESTUDIOS SUPERIORES AQUELES QUE POIDAN PAGALOS”…

24 ago 2013

ENRIQUE OUBIÑA SOLICITARA INFORMACIÓN SOBRE UNHA OBRA LEVADA A CABO NO RÍO UMIA, NA ZONA COÑECIDA COMO "O ATRANCO".

  Construíuse un muro que atravesa todo o río embalsando a auga  e ANOVA quere averiguar  os motivos de tal obra e se a actuación cumpre coa legalidade vixente.
 

   O Concelleiro da corporación municipal de Ribadumia, Enrique Oubiña, pertencente ao Grupo local de ANOVA, presentara este luns un escrito solicitando información sobre unha actuación que se ven de levar a cabo no río Umia, na zona coñecida como “o atranco” en Cabanelas, situada uns metros máis arriba no cauce do río da ponte de Cabanelas .

Como se pode comprobar a simple vista, as obras consisten basicamente na construción dun muro de contención, que atravesa todo o ancho do río, embalsando a auga na parte de arriba.  Varias cousas chaman a atención de ANOVA en relación a estas obras: por un lado non se aprecia ningunha canle que garanta o mantemento dun “caudal ecolóxico” que permita (especialmente no veran, cando o río baixa con pouca auga) o paso libre de auga,  nin moto menos dos peixes ou calquera outra fauna,  e na zona tampouco hai instalado ningún cartel informativo das obras, polo que non hai xeito de saber quen é o promotor da obra e cal é a finalidade da mesma.  
   De feito, nese punto do río  atópase unha captación de auga para o Hotel da Toxa, pero  tamén se atopa unha finca moi coñecida entre os veciños de Ribadumia, na que o Partido Popular soe facer moi habitualmente xuntanzas e algunha que outra celebración lúdico-festiva, como a celebrada onte coa presencia de  Mariano rajoy, con Feijoo  e toda a plana maior do PP do Salnes, unha finca que motivou que no seu dia se cambiara o trazado do paseo fluvial, desprazandoo para a outra beira do rio, e na que estes días se estivo ademais a realizar, curiosamente coincidindo coa obra do mencionado atranco no rio,  un  recheo que a simple vista parece querer buscar a creación dun pequeno areal artificial. De feito existe xa un pantalán tamén propiedade privada na zona na que se está a embalsar a auga.
 
   Non debemos esquecer a importancia que ten o río Umia, polo que se debe velar para evitar intervencións que sexan prexudiciais e alteren o curso natural da auga no mesmo. Tamén hai que lembrar que un pouco máis abaixo desta obra atópase a zona de baño de Cabanelas, onde tamen soen entrenar os deportistas do Clube naútico “O Muiño”, que xa mostraron o seu incomodo con esta obra, pois o pequeno embalse bloquea o paso da maior parte da auga e  impidelle ós nenos poder entrenar con normalidade coa marea baixa.. 

   Unha  persoa malpensada, ante esta maneira de actuar, poderia crer que todo isto busca crear unha praia artificial coa súa charca particular para o disfrute de catro privilexiados, pero dende Anova agardamos encontrar unha explicación menos molesta e mais racional. Por todo isto, ademais de dar cumprido parte ós servizos de medio ambiente,  solicitaremos do Concello que informe sobre quen é o promotor da obra e a finalidade da mesma, así como se cumpre coa normativa vixente e conta con todos os permisos correspondentes para a realización da mesma.

   Tamén solicitaremos o acceso ao proxecto, no caso de existir e estar presentado no Concello e, finalmente, no caso de que non cumpra coa normativa, esixiremos que por parte do Concello se tomen as medidas oportunas para a paralización da obra, que se comunique a situación as administracións responsables de velar pola legalidade e tamén solicitar que se deixe a zona nas mesmas condicións que estaba antes do inicio da obra.