24 ago 2013

ENRIQUE OUBIÑA SOLICITARA INFORMACIÓN SOBRE UNHA OBRA LEVADA A CABO NO RÍO UMIA, NA ZONA COÑECIDA COMO "O ATRANCO".

  Construíuse un muro que atravesa todo o río embalsando a auga  e ANOVA quere averiguar  os motivos de tal obra e se a actuación cumpre coa legalidade vixente.
 

   O Concelleiro da corporación municipal de Ribadumia, Enrique Oubiña, pertencente ao Grupo local de ANOVA, presentara este luns un escrito solicitando información sobre unha actuación que se ven de levar a cabo no río Umia, na zona coñecida como “o atranco” en Cabanelas, situada uns metros máis arriba no cauce do río da ponte de Cabanelas .

Como se pode comprobar a simple vista, as obras consisten basicamente na construción dun muro de contención, que atravesa todo o ancho do río, embalsando a auga na parte de arriba.  Varias cousas chaman a atención de ANOVA en relación a estas obras: por un lado non se aprecia ningunha canle que garanta o mantemento dun “caudal ecolóxico” que permita (especialmente no veran, cando o río baixa con pouca auga) o paso libre de auga,  nin moto menos dos peixes ou calquera outra fauna,  e na zona tampouco hai instalado ningún cartel informativo das obras, polo que non hai xeito de saber quen é o promotor da obra e cal é a finalidade da mesma.  
   De feito, nese punto do río  atópase unha captación de auga para o Hotel da Toxa, pero  tamén se atopa unha finca moi coñecida entre os veciños de Ribadumia, na que o Partido Popular soe facer moi habitualmente xuntanzas e algunha que outra celebración lúdico-festiva, como a celebrada onte coa presencia de  Mariano rajoy, con Feijoo  e toda a plana maior do PP do Salnes, unha finca que motivou que no seu dia se cambiara o trazado do paseo fluvial, desprazandoo para a outra beira do rio, e na que estes días se estivo ademais a realizar, curiosamente coincidindo coa obra do mencionado atranco no rio,  un  recheo que a simple vista parece querer buscar a creación dun pequeno areal artificial. De feito existe xa un pantalán tamén propiedade privada na zona na que se está a embalsar a auga.
 
   Non debemos esquecer a importancia que ten o río Umia, polo que se debe velar para evitar intervencións que sexan prexudiciais e alteren o curso natural da auga no mesmo. Tamén hai que lembrar que un pouco máis abaixo desta obra atópase a zona de baño de Cabanelas, onde tamen soen entrenar os deportistas do Clube naútico “O Muiño”, que xa mostraron o seu incomodo con esta obra, pois o pequeno embalse bloquea o paso da maior parte da auga e  impidelle ós nenos poder entrenar con normalidade coa marea baixa.. 

   Unha  persoa malpensada, ante esta maneira de actuar, poderia crer que todo isto busca crear unha praia artificial coa súa charca particular para o disfrute de catro privilexiados, pero dende Anova agardamos encontrar unha explicación menos molesta e mais racional. Por todo isto, ademais de dar cumprido parte ós servizos de medio ambiente,  solicitaremos do Concello que informe sobre quen é o promotor da obra e a finalidade da mesma, así como se cumpre coa normativa vixente e conta con todos os permisos correspondentes para a realización da mesma.

   Tamén solicitaremos o acceso ao proxecto, no caso de existir e estar presentado no Concello e, finalmente, no caso de que non cumpra coa normativa, esixiremos que por parte do Concello se tomen as medidas oportunas para a paralización da obra, que se comunique a situación as administracións responsables de velar pola legalidade e tamén solicitar que se deixe a zona nas mesmas condicións que estaba antes do inicio da obra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario